Thursday 02 de May de 2024

A Concellería de Medio Ambiente de Fene pon en marcha o programa “Adeus ríos, adeus fontes”


Perante as vindeiras conmemoracións do Día Forestal Mundial (21 de marzo), do Día Mundial da Poesía (21 de marzo) e do Día Mundial da Auga (22 de marzo), a concellería de Medio Ambiente de Fene impulsará este ano o programa “Adeus ríos, adeus fontes”, dirixido ao conxunto da comunidade educativa do Concello de Fene e, en particular, ao alumnado de Primaria. Cinco centros escolares do municipio -o CPI A Xunqueira, o CPR Jorge Juan e os Ceip de Centieiras, O Ramo e Os Casais- partiparán nesta iniciativa coa que se pretende “conmemorar, de xeito transversal e interrelacionado, as tres efemérides”.
“Pór de relevo o valor das árbores e dos bosques, xerar conciencia sobre a importancia da auga para a vida e poñer en valor a poesía como xénero literario”, son os principais obxectivos de “Adeus ríos, adeus fontes”, segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar.
O programa xeral, dirixido ao conxunto da comunidade educativa, consistirá en distintas actividades que se desenvolverán a finais do vindeiro mes de marzo nos propios centros de ensino. Os/as alumnos/as participantes comezarán traballando na escolla de poemas relacionados coa auga e os bosques, amais de elaborar os seus propios poemas. Posteriormente plasmarán, tanto os poemas escollidos coma os propios, en flores de papel que, finalmente, pendurarán dunha árbore xigante (tamén de papel), instalada no colexio o día 1 de abril. Para esa mesma xornada, promoverase a lectura simultánea dun poema de Manuel María.
“Adeus ríos, adeus fontes” incluirá tamén unha actividade específica, dirixida ao alumnado de Primaria, que terá lugar o 1 de abril no parque liñal que hai baixo o viaduto da autoestrada. Consistirá na plantación de árbores autóctonas e na lectura de poemas (1 por centro). O alumnado e profesorado participante recibirá unha camiseta conmemorativa da xornada, serigrafiada cunha ilustración de Philiphot (fondos do Museo do Humor). Para o desenvolvemento desta actividade, contarase coa colaboración de persoal municipal, profesorado, 14 monitores/as contratados e voluntarios/as de protección civil.

EFEMÉRIDES

O día 21 de marzo conmemórase o Día Forestal Mundial, unha data instaurada pola FAO en 1973 e que veu dar continuidade e universalidade á celebración do Día da Árbore, unha tradición, que, iniciada en Mondoñedo no século XVI, tíñase estendido por todo o mundo.

O día 21 de marzo conmemórase tamén o Día Mundial da Poesía, data instaurada pola UNESCO no 2001 para reflexionar sobre a linguaxe poética e arte das capacidades de moitos creadores do mundo.

O día 22 de marzo, por decisión da ONU en 1993, conmemórase o Día Mundial da Auga, que neste ano 2010 refírese a calidade da auga, necesaria para a conservación de ecosistemas sans e para o benestar humano